CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Os mozos reafirman o seu compromiso ambiental e social en Horta Daterra


Voz Natura e Gadisa organizaron unha actividade especial para achegar aos escolares á produción agrícola e consumo de produtos ecolóxicos e de proximidade. Tamén para divulgar a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Trátase de actividades enmarcadas no tema central deste curso: Protección de flora e fauna autóctonas.

Para iso, organizáronse dúas xornadas en Horta Daterra (Miño), un centro de apoio á produción agrícola e ecolóxica na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Un primeiro grupo xa participou o pasado venres en Miño. Mañá tocaralle a quenda a 23 alumnos e dous profesores do IES de Curtis, así como a 32 estudantes e dous mestres do CPR Jorge Juan (Xuvia-Narón).

En canto á actividade deste pasado venres, todo comezou cun encontro na senda das Marismas do Baxoi. Alí realizaron unha pequena camiñada. A senda é un percorrido de alto valor ambiental que transcorre á beira das marismas, cunha enorme riqueza ecolóxica. Esta camiñada guiada puxo en contexto aos visitantes de Horta Daterra coa súa contorna dentro da Reserva da Biosfera e o compromiso ambiental e social da actividade que desenvolve.

Logo, os alumnos acudiron a unha recepción nas instalacións de Horta Daterra, explotación ecolóxica e centro de promoción agroalimentaria de produtos. Máis tarde, gozaron da gastronomía, coa elaboración de empanada con cebolas Daterra e tortilla con pataca kennebec.

Logo produciuse unha visita ás instalacións de Horta Daterra e unha charla divulgativa a cargo de Cristina Bañobre, fundadora da empresa Daterra do País S.L. sobre a produción e comercialización alimentaria na contorna da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Tamén visitaron a explotación ecolóxica e aprenderon a plantar en horto vertical con palets reciclados.
Ao terminar houbo unha degustación ao aire libre, baixo o souto de castiñeiros ecolóxicos á beira do rio Baxoi de produtos e elaboracións realizadas durante a actividade gastronómica no centro.